domingo, 28 de junio de 2026

CIENCIA CIUDADANA PARA CONSERVAR OS VIAXEIROS DO CEO QUE VIVEN NA CIDADE DE PONTEVEDRA

G. Ferreiro.

Esta semana, en colaboración co Concello de Pontevedra e enmarcado nun proxecto de Custodia Urbana, organizamos un obradoiro aberto ao público dedicado aos cirrios e as anduriñas, dous grupos de aves urbanas que desempeñan un importante papel ecolóxico e que sorprenden pola súa extraordinaria bioloxía.

A xornada comezou cunha charla divulgativa na que descubrimos algúns dos aspectos máis fascinantes do seu ciclo de vida.

Estas aves pasan a maior parte da súa existencia en voo, onde se alimentan, descansan e mesmo dormen. Tamén abordamos as principais ameazas que afectan ás súas poboacións, especialmente a perda de lugares de nidificación como consecuencia da rehabilitación e do illamento dos edificios, así como as medidas de conservación que permiten compatibilizar as obras coa protección das súas colonias.

Gustavo Santos. Faro de Vigo.

 O principal obxectivo do obradoiro foi implicar á cidadanía na conservación destas especies mediante un proxecto de ciencia cidadá. Para iso, as persoas participantes aprenderon a utilizar unha aplicación móbil coa que rexistrar o maior número posible de edificios que albergan colonias de cirrios e avións na cidade. A creación deste inventario permitirá identificar e protexer estes enclaves de reprodución, facilitando a aplicación de medidas de conservación cando se leven a cabo reformas ou actuacións nos inmobles de Pontevedra.

G. Ferreiro.

 Tras a charla realizamos un percorrido por diferentes edificios de Pontevedra para observar algunhas das colonias xa inventariadas. Durante a ruta identificamos os distintos elementos arquitectónicos que utilizan estas aves para aniñar, como aleiros, cornixas e pequenas cavidades, comprendendo así a estreita relación que existe entre a arquitectura tradicional e a biodiversidade urbana. 

 

Gustavo Santos. Faro de Vigo.

 O obradoiro foi todo un éxito, tanto pola elevada participación —a sala completou o seu aforo— como polo interese e a curiosidade que espertaron estas especies. Actividades coma esta demostran que a divulgación científica e a participación cidadá son ferramentas fundamentais para coñecer, valorar e conservar a rica biodiversidade que convive connosco en cidades como Pontevedra.

 

Edificio con colonia de vencejos en Pontevedra. E. González.

No hay comentarios:

Publicar un comentario