martes, 31 de marzo de 2026

Comeza a tempada de cría da píllara das dunas: agora máis ca nunca, os cans fóra das praias

 


A Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) xa iniciou a súa tempada de cría nas praias galegas. Estamos, polo tanto, no momento máis crítico do ano para esta especie seriamente ameazada, catalogada como “En perigo” no Libro Vermello das Aves de España e “Vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Esta limícola, que apenas deixa unha leve depresión na area como niño, é extremadamente vulnerable ás perturbacións humanas. Máis do 80% das súas postas fracasan por causas como temporais, depredación… e, sobre todo, a presenza de cans soltos ou paseando pola praia.

Por que é tan importante non levar cans ás praias?

Cando as píllaras chegan ás praias de cría e forman parellas, buscan lugares tranquilos e seguros onde sacar adiante os seus polos. A presenza de cans, que elas perciben como depredadores, pode expulsalas da zona incluso antes de iniciar a incubación. Ademais, durante o período de incubación e nos primeiros días de vida dos poliños, calquera perturbación pode facer que os adultos abandonen definitivamente o niño ou temporalmente, deixando ovos e crías vulnerables á deshidratación, ao frío ou aos depredadores. Mesmo a simple presenza dun can —aínda que vaia atado— é interpretada pola píllara como unha ameaza.

Nos últimos anos, tanto voluntariado como gardas/axentes ambientais, policías locais e axentes do SEPRONA teñen rexistrado numerosos casos de cans en praias a pesar da cartelería e da prohibición expresa. Esta é unha das causas directas de abandono, destrución accidental de niños e da morte de poliños.

Recordatorio legal e ético

Nas praias onde a píllara das dunas nidifica, os cans están prohibidos.
Non é unha recomendación: é unha norma obrigatoria, en vigor cada ano durante toda a tempada de cría.

Cumprila non só evita sancións, senón que é un acto básico de conservación dunha das últimas poboacións desta especie en Galicia —unha especie que xa desapareceu de gran parte do norte peninsular e que apenas conta con pouco máis de oitenta parellas no noso litoral. 

Como podes axudar?

  • Respecta sempre a sinalización e mantente afastado das zonas acoutadas.
  • Non pasees o teu can por estas praias nin sequera a primeiras horas ou ao anoitecer.
  • Evita camiñar por zonas de duna ou vexetación, onde se poden agochar os pitos que son case invisibles.
  • Se atopas un niño sen protexer afástate e avisa aos axentes ambientais ou a través do 112.
  • Comparte esta información para que máis xente coñeza o problema

____________________________________________________________________________________________________

A conservación da píllara das dunas é responsabilidade de todas e todos.
Cada niño conta. Cada poliño conta. E cada xesto tamén.

Axuda a protexelos: os cans non teñen sitio nestas praias.



Píllara das dunas. G. Ferreiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario