viernes, 31 de octubre de 2025

PÍLLARA DAS DUNAS 2025

G. Ferreiro.

 A píllara das dunas ou chorlitejo patinegro (Anarhynchus alexandrinus) é unha especie protexida, incluída no Libro Vermello das Aves de España como "En perigo de extinción" e "Vulnerable" no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Isto significa que a súa poboación reprodutora afronta un risco moi elevado de extinción nun curto período de tempo se non se toman medidas para evitalo.

 Nesta tempada 2025, aniñaron en varias praias da Reserva Ornitolóxica do Grove dentro do espazo protexido Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira.


G. Ferreiro

Dedicáronse máis de 68 xornadas de control nestas praias para monitorizar a súa poboación. E ainda que o número de niños que apareceron na reserva está dentro da media e foron protexidos e balizados con parcelas de exclusión en colaboración con gardas e axentes ambientais, as píllaras tiveron dificultades para sacar adiante os poliños.

E. González

Ao comenzo da tempada de cría mantivemos unha reunión con técnicos, aneladores, axentes e gardas da Delegación de Pontevedra do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia e do concello do Grove para a coordinación e búsqueda de solucións a problemas específicos de conservación e manexo do hábitat.

E. González.

Voltamos a cooperar con esta Delegación  na marcaxe con anelas de lectura a distancia de polos e adultos. Tamén como novidade este ano equipamos cun sistema de xeolocalización a un adulto o cal permitiranos seguir afondando na investigación para a  sua conservación.

 Tamén realizamos sesións de concienciación e educación ambiental nas praias, onde se lles mostraron estas aves aos participantes, que as desfrutaron a través de telescopios, á vez que se lles explicou as dificultades ás que se enfrontan para aniñar nestas praias.

E. González.

Como é habitual, o aspecto máis negativo foron os case 200 cans presentes que rexistramos, e só durante o horario das xornadas de control, nos areais onde nacen os poliños das píllaras. Por elo demos o aviso pertinente aos axentes da autoridade, tanto policía local do Grove, coma gardas e axentes de medio ambiente, quenes tomaron as medidas oportunas cursando as diferentes denuncias.

G. Ferreiro.

A pesar de que o Complexo Intermareal Umia-O Grove (Reserva Ornitolóxica do Grove) é case o último refuxio para esta especie nidificante na provincia de Pontevedra, e a pesar de todos os obstáculos aos que se enfrontaron, as píllaras das dunas seguen loitando por reproducirse nas nosas praias.

 Grazas a todas as persoas que as axudaron e as respectaron!

No hay comentarios:

Publicar un comentario