miércoles, 15 de abril de 2026

3º NIÑO DE PÍLLARA DAS DUNAS

E. González.

Onte tivemos unha nova moi especial na Reserva Ornitolóxica do Grove: atopamos o terceiro niño de píllara das dunas desta tempada.

O achado produciuse noutra das praias do espazo protexido, o que reforza a idea de que esta limícola continúa atopando aquí un lugar axeitado para reproducirse.

Pero… por que é tan importante este tipo de descubrimentos?

A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) é unha ave limícola que aniña directamente na area, facendo apenas unha pequena depresión no chan onde deposita os ovos. Esta estratexia, aínda que efectiva en contornas naturais pouco alteradas, convértea nunha especie moi vulnerable á actividade humana. O paso de persoas, cans  ou mesmo a limpeza mecánica que fan nalgunhas praias poden destruír niños case invisibles a simple vista.

Para aumentar as súas posibilidades de éxito, xa quedou  instalada unha gaiola de protección —que permite á ave entrar e saír con normalidade pero impide o acceso de depredadores— e un balizado disuasorio que sinaliza a zona e pide ás persoas que manteñan distancia.

Este tipo de medidas son fundamentais, pero non suficientes sen a colaboración cidadá. Se visitas praias onde habita a píllara das dunas, lembra:

  • Respectar sempre as zonas balizadas
  • Evitar achegarte aos niños, aínda que parezan abandonados
  • Non levar os cans a praia.
  • Circular polas zonas húmidas e non polas áreas dunares

Cada pequeno xesto conta. Grazas á combinación de conservación activa e sensibilización, especies como a píllara das dunas teñen unha oportunidade real de saír adiante.

Este terceiro niño é, sen dúbida, unha excelente noticia e un motivo máis para seguir coidando e divulgando o valor ecolóxico da Reserva Ornitolóxica do O Grove. Agora toca estar pendentes da súa evolución… e cruzar os dedos para que dentro dunhas semanas poidamos falar de novos poliños correndo pola area.

domingo, 12 de abril de 2026

SEGUNDO NIÑO DE PÍLLARA

G. Ferreiro.

 Hoxe atopamos o segundo niño de Píllara das dunas na mesma   praia  ,da Reserva Ornitolóxica do  Grove onde apareceu o primeiro niño.

Este niño que xa foi protexido na mensma mañán coas medidas oportunas, ten 2 ovos e tamén esta ubicado na area da praia.

Fora cans das praias!!!

 





ROTEIRO POLAS BRAÑAS DE XESTOSO

Paspallás. E. González.



O vindeiro domingo 19 de abril o GL SEO- Pontevedra faremos un roteiro polas brañas de Xestoso e contorna (Forcarei), para observar aves tan interesantes como pica das árbores, picafollas ibérico, escribenta amarela, tartaraña cincenta, laverca, paspallas...

Para inscribirse ou ter mais información sobre a saída só tes que enviarnos un correo.

As prazas son limitadas e van por orde de inscrición.

Para poder participar nas excursions de SEO-Pontevedra é imprescindible inscribirse.

viernes, 10 de abril de 2026

PRIMEIRO NIÑO DE PÍLLARA DAS DUNAS

G. Ferreiro.

 

Onte atopamos o primeiro niño de Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), desta tempada.

Foi nunha praia do Salnés, concretamente na Reserva Ornitolóxica de SEO Bird/Life do Grove.

O niño ten 3 ovos e está situado na parte superior da area da praia.

 Na mesma mañan xa foi protexido con gaiola e perimetrado con balizas.

Agora só queda que todos os usuarios do areal cumpran a lei respectando o niño e sobretodo non levando cans as praias.

A ver si dunha vez acabamos con esta lacra dos cans campeando polos areais costeiros, tan perxudicial para a natureza e os seus seres vivos.