jueves, 3 de marzo de 2016

La Pardela Cenicienta en Galicia

Dejamos un interesante artículo publicado por Galicia Confidencial  sobre los últimos estudios sobre las colonias de cría de la Pardela cenicienta (Calonectris diomedea) en Galicia.

Galicia, último refuxio da pardela cincenta

Científicos explican por primeira vez como se produciu a estraña colonización desta especie ameazada, que empezou a reproducirse nas illas Cíes, Sisargas e Coelleira hai só unha década, ampliando a súa distribución 500 quilómetros cara ó norte no Atlántico.

Por Alberto Quian | Madrid | 29/02/2016 | Actualizada ás 08:00
As pardelas cincentas empezaron a asentarse e reproducirse en Galicia hai unha década, nun proceso de colonización pouco habitual, pero que semella fundamental para a supervivencia desta especie ameazada. Esta é unha das conclusións do estudo Colony Foundation in an Oceanic Seabird sobre as tres colonias galegas de Calonectris diomedeaCíes, Sisargas e Coelleira
Exemplar de pardela cincenta / Axencia SINC. Unha pardela cincenta co seu ovo / SEO-BirdLife.
                Exemplar de pardela cincenta / Axencia SINC. Unha pardela cincenta co seu ovo / SEO-BirdLife.



O estudo —asinado polos investigadores Ignacio Munilla e Meritxell Genovart, da Universidade de Santiago de Compostela; Vitor H. Paiva, da de Coimbra, e  Alberto Velando, da de Vigo—  foi publicado o pasado 24 de febreiro na revista científica internacional PLOS ONE e explica por primeira vez como se produciu este estraño proceso de colonización da pardela cincenta en Galicia.
Unha das súas conclusións máis substanciais é que a colonización rececente en Galicia da Calonectris diomedea levouna a cabo un grupo relativamente grande e mesturado de prospectores cunha alta diversidade xenética, procedentes de lugares moi afastados.
O traballo científico, financiado polo Organismo Autónomo Parques Nacionales, mostra evidencias de que a colonia de pardela cincenta en Galicia está composta por individuos agrupados en diferentes illas, chegados de diferentes fontes. Os científicos pensan que tres grupos de non reprodutores empezaron a visitar as illas galegas a mediados dos anos 2000 e que algúns deles terminaron por nidificar e establecer aquí novas colonias, inéditas nestas latitudes.
Tamén concluíron que a distancia non é un factor importante que determine a conectividade e a colonización nesta especie. De feito, non atoparon evidencias de interaccións entre as colonias identificadas en Galicia.
Unha pardela cincenta co seu ovo
                                                             Unha pardela cincenta co seu ovo | Fonte: SEO-BirdLife.
Primeiro rexistro, en Cíes en 2007
Unha pregunta á que buscaron resposta os investigadores foi: cando comezou esta colonización? O seguimiento científico da pardela cincenta en Galicia iniciouse en 2008, nas Illas Cíes (Pontevedra) e na Illa Coelleira (Lugo), e se estendeu ás Sisargas, na Costa da Morte. Antes, en maio de 2007, atopárase a primeira ave desta especie nidificando, o primeiro rexistro de reprodución de Calonectris diomedea para Galicia e todo o Noroeste da Península Ibérica. Foi nas Cíes, na ría de Vigo.
Con este achádego, e polos estudos e seguimentos feitos desde a década de 1990, os investigadores cren bastante improbable algún asentamento desta especie nas Cíes ou nas Sisargas antes do ano 2007
No caso da Illa Coelleira, as visitas e exploracións foron menos anos atrás e non hai tantos datos. No ano 2005, o fareiro da illa notificou da presenza de pardelas na noite. Porén, no ano 2009 os ovos atopados só eran tres, o cal daba indicios da escasa e aínda primaria colonización.
"A nosa hipótese de que a pardela fundou estas novas colonias na costa de Galicia a mediados da década do 2000 parece bastante razoable", conclúen os investigadores no seu artigo publicado en PLOS ONE. Con todo, e debido aos hábitos nocturnos e fosoriais desta especie, non desbotan por completo a posibilidade de anteriores intentos de cría nestes e noutros espazos insulares do noroeste da Península Ibérica. 
Distribución, reprodución e ameazas
No ano 2013, os investigadores tiñan identificados 229 exemplares en toda Galicia. Tamén comprobaron que o número de tobos aparentemente ocupados e de parellas reproductoras aumentou desde o ano 2009 até o 2013. Ademais, puideron comprobar mediante técnicas de seguimento que ningún dos exemplares monitorizados se trasladou a outra illa, o que suxire que as colonias puideron ser fundadas por poboacións distintas, independentes. 
Os autores do estudo identificaron nas Sisargas a poboación máis numerosa de pardela cincenta, cuns 150 individuos no ano 2013, mentres que o resto, 50-70, se distribuía entre as Cíes e Coelleira. Durante todo o período de estudo, as máis grandes concentracións observadas foron de 74 individuos en Coelleira (ano 2010), 187 en Sisargas (2012) e 54 nas Cíes (2013).
Todos estes números superaron as expectactivas dos científicos, baseadas na cantidade de nidificacións identificadas. Estes comprobaron que a reprodutividade nas colonias de Galicia era moi baixa comparada con outras, con só unha media de catro a sete pitos por ano no período 2009-2013. Así, viron que "a maioría, se non todos, os adultos identificados nas colonias galegas naceran probablemente noutro lugar".
Con todos os datos na man, obtidos das monitorizacións, os investigadores suxiren que "as colonias galegas foron visitadas por un gran número de exploradores, algúns dos cales se incorporaron progresivamente á poboación reprodutora nos anos seguintes", afirman.
Analizando o comportamento destas aves, viron nas colonias galegas o mesmo patrón amosado ao principio da primeira colonia americana do furubachos atlántico (Puffinus puffinus): "Nas tres localidades, só unha pequena proporción de tobos foi ocupada por exemplares reprodutores e naceron moi poucas crías, o que suxire que a maioría dos tobos foron ocupados polos prospectores e os reprodutores máis novos", explican os investigadores.
En concreto, un total de 86 tobos aparentemente ocupados foron marcados durante o período de estudo (27 en Cíes, 21 en Sisargas e 38 en Coelleira); en 2013 estimouse que polo menos 61 tobos estaban ocupados (21 Cíes, 17 Sisargas, 23 Coelleira).
A proporción de tobos activos ocupados polos reprodutores e o número de pitos nacidos aumentaron durante o período de estudo tanto en Coelleira como en Cíes. Porén, nas Sisargas o número de parellas reprodutoras mantívose baixo durante o mesmo período de estudo.
Os investigadores observaron os efectos na poboación de pardelas cincentas causados pola depredación de carnívoros terrestres introducidos nas Sisargas e Cíes: nas Sisargas atopáronse en 23 adultos de pardela mortos no ano 2010, probablemente por gatos salvaxes (Felis catus), mentres que nas Cíes xa se tiña constancia da presenza do visón americano (Neovison vison) e das súas desfeitas na poboación de crías de corvo mariño, preto da zona na que as pardelas se estableceron por primeira vez, en 2009 e 2010.
Desprazamento de 500 km. cara ó norte
Os científicos saben que a fundación de colonias é un fenómeno raro na maioría das especies de aves mariñas e, en concreto, sábese pouco sobre o proceso de colonización da pardela cincenta. A Calonectris diomedea distribúese en tres colonias en Galicia: Cíes, Sisargas e Coelleira. Istoeleva uns 500 quilómetros ao norte a área de distribución da pardela cincenta na costa atlántica peninsular. Estes 500 quilómetros son a distancia coa outra colonia máis cercana, nas portuguesas Illas Berlengas, onde hai rexistros da presenza da pardela cincenta desde 1870.
Os autores do estudo mencionan un rexistro dun intento de colonización fallido en Arcachon (Francia) por parte de pardelas do Mediterráneo, a mediados da década de 2000. Porén, o caso galego supón todo un acontecemento para esta especie, xa que "as colonias galegas poden ser consideradas como auténticos asentamentos coloniais, un feito raro nas pardelas cincentas do Atlántico e na maioría das especies de aves mariñas", explican os autores do estudo.
A investigación relaciona esta nova dispersión da pardela cincenta co desprazamento tamén cara ó norte de poboacións de peixes e zooplancton no Atlántico Norte. Estes cambios inducidos polo clima nas interaccións tróficas nas redes alimentarias mariñas poden afectar a dinámica de poboacións de aves como a pardela cincenta, argúen os investigadores.
Ave do Ano 2013
Cómpre lembrar que a Sociedad Española de Ornitología SEO/Birdlife declarou a pardela cincenta ave do Ano 2013, por ser a especie que mellor exemplifica os problemas de supervivencia para as aves mariñas na Península Ibérica.
----------------------------------------
Munilla I, Genovart M, Paiva VH, Velando A (2016): Colony Foundation in an Oceanic Seabird. PLoS ONE 11(2): e0147222. doi:10.1371/journal.pone.0147222.

No hay comentarios:

Publicar un comentario