miércoles, 21 de enero de 2026

Día Mundial dos Humidais – Roteiro e visita guiada ao Centro de Interpretación da desaparecida Lagoa de Antela e outras zonas humidas da Limia (Ourense).

G. Ferreidjro.

 O domingo 1 de febreiro desde SEO-Pontevedra convidámoste a celebrar con nós o Día Mundial dos Humidais. Coa colaboración do concello de Sandiás faremos cunha visita guiada ao Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, en Sandiás (Ourense). A continuación, realizaremos un roteiro polos principais humidais da Limia e  terreos que un día ocupou a desaparecida Lagoa de Antela.

A actividade pretende destacar o enorme valor ecolóxico dos humidais, tanto para a natureza como para o propio benestar humano, e a importancia de protexelos. Ao longo do percorrido iremos descubrindo a rica comunidade de aves que habita estes ecosistemas, o impacto que tivo a desaparición de Antela e a necesidade de avanzar cara á súa recuperación ecolóxica.

A Lagoa de Antela é un caso emblemático. Foi, no seu momento, un dos humidais máis importantes da península ibérica, cunha extensión de 3.600 hectáreas. Situada na comarca da Limia (Ourense), foi desecada entre os anos 50 e 60 para usos agrícolas, e da que hoxe só quedan pequenas zonas parcialmente restauradas. É un lugar cargado de memoria ambiental e social.

A actividade terá lugar o 1 de febreiro de 2026. Desenvolverase principalmente durante a mañá, con posibilidade de continuar pola tarde para quen o desexe. O xantar será de campo, polo que cada participante deberá traer a súa propia comida.

 Inscrición: A participación é gratuíta, pero require inscrición previa a través do correo seo-pontevedra@seo.org . As prazas son limitadas e asignaranse por rigorosa orde de inscrición. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario