jueves, 24 de septiembre de 2026

DÍA DAS AVES 2026

                   

 


Chega unha nova edición do Día das Aves de SEO/BirdLife, unha celebración que terá lugar en toda España durante a fin de semana do 3 e 4 de outubro e que pretende achegar a sociedade ao coñecemento e á conservación destas especies e dos ecosistemas nos que habitan.

Ademais de formar parte do noso patrimonio natural, as aves desempeñan un papel fundamental no funcionamento dos ecosistemas. Entre as súas principais funcións atópanse o control de determinadas pragas, a dispersión de sementes e a reciclaxe de nutrientes, procesos esenciais para manter o equilibrio ecolóxico e favorecer a biodiversidade, da que tamén depende a nosa calidade de vida.

A observación de aves constitúe unha forma sinxela e enriquecedora de achegarnos á natureza. Ao mesmo tempo, identificar especies a través do seu aspecto, canto ou comportamento require atención, paciencia e capacidade de concentración, e pode converterse nunha actividade beneficiosa tanto para o benestar físico como mental.

Esta edición ofrece igualmente unha boa oportunidade para dar a coñecer o xílgaro europeo, elixido Ave do Ano, e sensibilizar sobre as ameazas que afectan as súas poboacións. Aínda que continúa sendo unha especie habitual en numerosos territorios, enfróntase a diferentes factores de presión, entre eles a captura ilegal, o uso de praguicidas e herbicidas e determinadas prácticas agrícolas intensivas ou extensivas que poden reducir a dispoñibilidade de alimento e de hábitats adecuados.

Observar e coñecer as aves significa comprender mellor os ecosistemas e a necesidade de conservar a biodiversidade que sustenta a vida.

SEO-Pontevedra celebrará o Día das Aves o 4 de outubro cunha ruta guiada por ornitólogos pola Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife, dentro do Complexo Intermareal Umia-O Grove.

Este evento é aberto e gratuíto.

Para inscribirse ou ter mais información sobre a saída só tes que enviarnos un correo.

As prazas son limitadas e van por orde de inscrición.

Para poder participar nas excursions de SEO-Pontevedra é imprescindible inscribirse.

martes, 22 de septiembre de 2026

CRÓNICA DE VIAXE POLO SUR DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

E. González.

 

O domingo fixemos unha interesante excursión por distintos hábitats naturais do sur de Pontevedra: intermareal,  medio mariño,a serra e  desembocadura do río Miño.

Ao longo da xornada puidemos observar a gran variedade de paisaxes, plantas e aves que caracteriza estes espazos, así como coñecer mellor a riqueza natural da zona. Aínda que o calor foi intenso, disfrutamos moito da natureza, da boa compañía e de cada unha das paradas do percorrido. Sen dúbida, foi unha experiencia moi agradable para compartir, aprender e desfrutar da observación de aves en entornos tan diversos.

Identificamos 40 especies de aves. A destacar: Lampareiro eurasiático, Mazarico chiador, Fuselo de rabo negro e Fuselo de rabo pinto, Virapedras común, Bilurico pativerde, Carrán cristado, Garza boieira occidental (37), Picapeixe común, Lavandeira amarela, Cullereiro común, Águia pescadora, Tartaraña das xunqueiras, Pedreiro cincento (9), Papamoscas negro…

E. González.

domingo, 6 de septiembre de 2026

EXCURSIÓN ORNITOLÓXICA

  

   

 O día 20 de setembro realizaremos unha saída ornitolóxica para visitar diferentes espazos do sur da provincia de Pontevedra.

Será unha boa oportunidade para achegarnos á ornitoloxía no campo, aprender a identificar diferentes especies e descubrir o importante papel que desempeñan os diferentes ecosistemas na conservación da biodiversidade.

Durante a actividade prestaremos especial atención ás aves acuáticas que comezan a chegar á nosa comarca coa migración postnupcial, así como ás pequenas aves residentes e migratorias que podemos atopar nestes hábitats. Tamén buscaremos aves rapaces, algunhas das cales aínda permanecen na nosa rexión durante estas datas.

A saída permitirá coñecer a diversidade de especies presente nos ecosistemas que percorreremos, observar os cambios que se producen nas comunidades de aves coa chegada do outono e comprender a importancia destes espazos como áreas de alimentación, descanso e refuxio durante os movementos migratorios

 .

Para inscribirse ou ter mais información sobre a saída só tes que enviarnos un correo.

As prazas son limitadas e van por orde de inscrición.

 Para poder participar nas excursions de SEO-Pontevedra é imprescindible inscribirse.