A proposta atinxe ao concello de Cambados e abrangue a zona intermareal do Estanque da Seca, o Saco de Fefiñáns e a Ribeira de Fefiñáns ata a Torre de San Sadurniño, así como pequenas masas forestais próximas. En conxunto, trátase dun ámbito de arredor de 91 hectáreas que forma parte do funcionamento ecolóxico da ría de Arousa e que presenta importantes valores naturais, paisaxísticos e patrimoniais.
Este espazo constitúe un ecosistema costeiro de gran riqueza biolóxica. Nos seus fondos intermareais existen sedimentos areoso-lamacentos con elevada produtividade, praderías mariñas de Zostera e comunidades vexetais halófitas características das zonas húmidas costeiras. Estes hábitats sustentan unha importante diversidade de invertebrados e especies marisqueiras.
A zona destaca polos seus valores ornitolóxicos, ao funcionar como área de alimentación, descanso e paso migratorio para numerosas aves acuáticas. Entre as especies presentes figuran ardeidos, anátidas limícolas, diversidade de láridos ou cullereiros comúns, convertendo este enclave nun punto relevante dentro do sistema de humidais da ría de Arousa.
O ámbito proposto sitúase xunto a espazos incluídos na Rede Natura 2000, como o Complexo intermareal Umia–O Grove, e forma parte da área internacionalmente recoñecida como IBA ES003 Ría de Arousa–Corrubedo, considerada clave para a conservación das aves e da biodiversidade.
A proposta tamén destaca o valor cultural e histórico do espazo, onde se localizan elementos patrimoniais singulares como o Muíño da Seca, antigos viveiros de marisco, o porto histórico de Cambados e a Torre de San Sadurniño, símbolos da relación histórica da vila co mar.
SEO Pontevedra e o Colectivo Ecoloxista do Salnés consideramos que a declaración deste espazo como ENIL sería un paso importante para conservar o patrimonio natural e cultural de Cambados, reforzando ao mesmo tempo o compromiso local coa protección da biodiversidade e co desenvolvemento sustentable do territorio e os oficios tradicionais como é o marisqueo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario