domingo, 28 de junio de 2026

CIENCIA CIUDADANA PARA CONSERVAR OS VIAXEIROS DO CEO QUE VIVEN NA CIDADE DE PONTEVEDRA

G. Ferreiro.

Esta semana, en colaboración co Concello de Pontevedra, organizamos un obradoiro aberto ao público dedicado aos cirrios e as anduriñas, dous grupos de aves urbanas que desempeñan un importante papel ecolóxico e que sorprenden pola súa extraordinaria bioloxía.

A xornada comezou cunha charla divulgativa na que descubrimos algúns dos aspectos máis fascinantes do seu ciclo de vida.

 Estas aves pasan a maior parte da súa existencia en voo, onde se alimentan, descansan e mesmo dormen. Tamén abordamos as principais ameazas que afectan ás súas poboacións, especialmente a perda de lugares de nidificación como consecuencia da rehabilitación e do illamento dos edificios, así como as medidas de conservación que permiten compatibilizar as obras coa protección das súas colonias.

O principal obxectivo do obradoiro foi implicar á cidadanía na conservación destas especies mediante un proxecto de ciencia cidadá. Para iso, as persoas participantes aprenderon a utilizar unha aplicación móbil coa que rexistrar o maior número posible de edificios que albergan colonias de cirrios e avións na cidade. A creación deste inventario permitirá identificar e protexer estes enclaves de reprodución, facilitando a aplicación de medidas de conservación cando se leven a cabo reformas ou actuacións nos inmobles de Pontevedra.

G. Ferreiro.

 Tras a charla realizamos un percorrido por diferentes edificios de Pontevedra para observar algunhas das colonias xa inventariadas. Durante a ruta identificamos os distintos elementos arquitectónicos que utilizan estas aves para aniñar, como aleiros, cornixas e pequenas cavidades, comprendendo así a estreita relación que existe entre a arquitectura tradicional e a biodiversidade urbana. 

 

E. González.
 

O obradoiro foi todo un éxito, tanto pola elevada participación —a sala completou o seu aforo— como polo interese e a curiosidade que espertaron estas especies. Actividades coma esta demostran que a divulgación científica e a participación cidadá son ferramentas fundamentais para coñecer, valorar e conservar a rica biodiversidade que convive connosco en cidades como Pontevedra.

 

Edificio con colonia de vencejos en Pontevedra. E. González.

No hay comentarios:

Publicar un comentario